16 de dec. de 2015

A ANTEPENÚLTIMA RECOMENDACIÓN PARA ESTE NADAL

Hoxe, día 16, destapamos a penúltima recomendación deste calendario!


Esta recomendación vai 

especialmente para os nenos 

maiores do cole!

Gustaralles?

A NENA E O MAR, premio Merlín da Literatura Infantil 2.015


Nena e o mar consegue crear unha atmosfera única que configura un relato único e valente, repleto de personaxes que permanecen no recordo e de imaxes que constrúen unha historia realista, mais con espazo para o fantástico e sen renunciar á evocación como arma. Atopar relatos tan ben construídos é o soño , e como ben se di no texto ‘non hai mentiras nos soños’.»

«Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza, tan só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa tras naufragar nos dominios das sereas. Nena loitará contra a desidia da súa veciñanza e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá unha viaxe desesperada.

Nena e o mar  é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa. 



O poder de evocación é un dos principais argumentos dun texto que logra recrear unha paisaxe singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha cativa que logrará mudalo todo. Nena é unha nena valente, obstinada e que fai da forza de vontade unha bandeira coa que emprender unha perigosa aventura propia de calquera heroína, mais sen deixar de ser unha nena.

A construción das personaxes casa tamén con ese ritmo pausado, como de marea, que respira todo o libro. As súas historias imos completándoas pouco a pouco, devagar, coma o mar que deita as crebas nunha praia. 

O vello rosmón Umu, o mellor mariñeiro da vila, que segue a coidar de Anina, a súa longa traiñeira, mais que nunca a bota xa ao devalo. 

A enfermeira Hannah, quen viviu o amor de forma pura e libre e renunciou a el por temor ao desprezo da súa familia. 

A vella mestra da vila, Aya, quen asume cunha mestura de cariño e frustración o coidado de Nena, cariño pola cativa, á que ama, e frustración porque o tempo que con ela comparte é un recordo do tempo no que a escola fervía de vida. 

Ao longo de toda a narración apreciamos valores positivos: a tenacidade, a esperanza, a solidariedade, a valentía, a comunicación, o respecto. Os valores están nas xentes da vila, nas súas decisións, sen deixarse levar pola simpleza  de bos e malos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario